Vexetación
  • Alt

A paisaxe da comarca na que se atopa Ribas de Sil está moi marcada pola presencia de numerosos cursos de auga, entre os que destaca, sen dúbida, o río Sil, de aí a importancia destes bosques no noso Concello e en toda a Ribeira Sacra.

Os bosques de ribeira presentan unha serie de características que os fan distintos a calquera outro tipo de bosque. En primeiro lugar, dise que son bosques azonais, é dicir, que presentan moita menos influencia das condicións climáticas circundantes que os demais bosques. De feito, neles existe un microclima creado polas condicións especiais que reinan no interior do bosque de ribeira. O feito de dispoñer de auga en abundancia leva consigo o desenvolvemento de abundante vexetación que fai que o ambiente no interior del sexa fresco e húmido, incluso cando estes bosques se sitúan en zonas de clima mediterráneo con períodos cálidos e secos prolongados.

En segundo lugar, nestes bosques a vexetación disponse en bandas, en función da proximidade á canle do río.

En terceiro lugar, a vexetación de ribeira está exposta a unhas variacións nas súas condicións de vida maiores ás do resto da vexetación circundante. Isto é debido a que nas marxes dos ríos suceden fenómenos que afectan ó desenvolvemento de forma directa (crecidas, depósitos de lodo, erosión, baixadas de nivel de crecida…).