A igrexa de Torbeo pertence ó románico tardío, posiblemente a data da súa construción sexa finais do século XIII, é esta unha das mellores e máis elegantes exemplares do románico rural galego.
A toponimia da zona estremeiro, coñecida como Mosteiro, fainos pensar na posible existencia dun pequeno mosteiro hoxe desaparecido, ademais nalgún documento dos séculos XIII e XIV relativos a herdades e nalgún outro do Arquivo Histórico Nacional tamén se fai mención a dito mosteiro.
Un incendio no ano 1936 destruíu esta igrexa da que só quedaban os muros e as bóvedas da ábsida e foi restaurada en 1945. no interior do muro norte da nave vese parte dun epígrafe gótico, único resto dunha antiga pintura, que sobreviviu a este incendio.
Posúe arco triunfal apuntado de acceso ó presbiterio, dobrado e rodeado dunha chambrona axadrezada. O arco menor apoiase en columnas entregas con capiteis figurados. O da esquerda ten un par de leóns entre os que se dispón un arbusto, o da columna da dereita presenta nos laterais leóns rampantes afrontados, e no centro a imaxe de Cristo en mandorla, co libro da lei nunha man mentres levanta a destra en actitude de bendicir.
Nos muros da ábsida, unhas ménsulas serven de soporte ós arcos que reforzan a bóveda do tramo recto. Ademais, no cruce dos seus nervios lábrase unha clave con decoración xeométrica.
Na cabeceira repítense os nervios que conflúen no centro dun arco fajón. Estes apoian en capiteis tipo ménsula con follas estilizadas. A nave de gran sobriedade, incluso nas súas portadas, salvando o óculo que se atopa na fachada occidental.
No exterior da ábsida chaman a atención as fiestras de arco de medio punto sobre columnas con capiteis de follas estilizadas, o con sinxelo entrelazado, destacando un que representa aves afrontadas.
O beirado sostense sobre canzorros que as veces asemellan ménsulas vexetais de gran sobriedade. Aínda así, os capiteis das semicolumnas apoiadas representan cuadrúpedos ou aves que peteiran nun cáliz, algo que sobresae entre tanta sobriedade.