Capela de Piñeira de Arriba
Edificio do século XVII, cuberto de madeira a dúas augas e lousa, coas paredes de pedra e barro. O retablo data do século XVIII. É de estilo salomónico cun oco central rococó. As esculturas de Santa Bárbara e Nosa Señora son tallas populares do século XVI. Conta cun cáliz de prata liso coa inscrición: A DEVOCION DE DN JOSEPH DE PRADA Y QUIROGA CAVALLERO DEL AVITO DE SANTIAGO.
Igrexa da Nosa Señora das Neves de Nogueira
Edificio construído nos inicios do século XVIII. A súa nave é rectangular con teitumes de madeira a catro vertentes. Conta con outro local rectangular a unha vertente apoiado ó muro Norte. Retablo magnificamente policromado, aparece datado no 1.748, e rematado polo pintor 16 anos despois. Esculturas que datan tamén do século XVIII o mesmo que a pía bautismal.
Igrexa de San Cristovo de Piñeira de Abaixo
De nave rectangular cuberta de madeira a dúas augas, a súa capela maior ten teitume de madeira a catro vertentes e sancristía de tres vertentes. O retablo maior é neoclásico coa inscrición: ESTE RETABLO LO HIZO Y PINTO DON JOSE CASANOVA DE MONFORTE EL AÑO 885 SIENDO CURA PARROCO DON AGUSTIN Y VICARIO DON DOMINGO DIAD. Amosa esculturas de San Cristovo e Nosa Señora do século XVII. O retablo esquerdo é de finais do século XVII, con esculturas populares de San Ramón Nonnato e San Miguel talladas no século XVI.
Igrexa de San Martiño de Peites
Igrexa con dúas naves separadas por columnas, desaparecidas por recentes reformas. Na parte superior da porta posúe un altorrelevo en pedra policromada que representa a San Martiño compartindo a capa cun pobre.
Retablo maior renacentista do primeiro terzo do século XVII. O templete expositor amosa unha imaxe diminuta do Pai Eterno, obra dun veciño das Ermitas, que data do segundo terzo do século XVIII.
Igrexa de Santa Lucía de Rairos
Edificio de planta románica reconstruído a mediados do século XVII. Nave rectangular a dúas augas, arco de acceso ó presbiterio de medio punto. Sacristía adosada ó alzado sur da nave. O retablo maior é salomónico de tres ocos no piso principal e unha no ático. Pía bautismal medieval. Incensario metálico do século XVII.
Igrexa de Santiago de Soutordei
Construída no século XVII, conta con tres naves de teitume a dúas vertentes, e sancristía no Sur. O retablo, de boa policromía, data do último terzo do século XVIII, con esculturas de Santiago Peregrino, San Xosé e a Inmaculada. San Xoán Evanxelista e Santa María do século XVI. No retablo da dereita do século XIX, esculturas de Xesús Nazareno e San Amaro, do século XVI. No retablo da esquerda, idénticos ó maior esculturas de Nosa Señora das Candelas, San Brais e o Salvador, do século XVII. Escultura de Santa María do século XV.