O camiño discorre por terras da parroquia de Torbeo e remata na aldea de A Cubela. As paisaxes características do Canón do Sil móstranse en toda a súa beleza ó largo do itinerario, bordeado dunha variada flora autóctona.
Ver máis información sobre a ruta na web da Ribeira Sacra
Nas proximidades da ruta, combínanse os vestixios arqueolóxicos, o patrimonio románico, a arquitectura tradicional e as típicas terrazas vitícolas da Ribeira Sacra. Trátase dunha ruta circular de dificultade media. O itinerario completo ten 14,7 quilómetros e pódese recorrer en 4 horas.
A ruta comeza atravesando a ponte de Augasmestas, dende aquí hai que camiñar pola estrada que conduce a Castro de Abaixo. A proximidade desta aldea, xa podemos contemplar algúns vestixios dun asentamento castrexo e dunha explotación aurífera romana. Tras cruzar o pobo, xunto à ultima casa, encontrámo-lo camiño que nos levará ata A Cubela pola marxe dereita do Río Sil. Logo de percorrer 200 metros, cruzámo-lo rego das Chenzas. 50 metros máis adiante o camiño bifúrcase. Collemos cara à dereita e entramos nunha zona de monte baixo dende o que podemos admirar a confluencia do Río Lor co Río Sil, no lugar de Augasmestas e da aldea de Covas, famosa polas explotacións auríferas. Seguindo polo sendeiro, aparecen as primeiras mostras de vexetación mediterránea: aciñeiras, sobreiras e érbedos principalmente.
Tras camiñar sempre preto do río acabamos cruzando o rego de Ribón, onde se poden contemplar unhas fermosas fervenzas. 500 metros máis adiante, aparecen mesturados con vexetación mediterránea, árbores típicas do clima atlántico: carballos, castiñeiros, loureiros, etc. Entre unha vexetación tan variada, podemos admirar antigos bancais para o cultivo do viño. Un quilómetro máis e saímos da zona de bosque e volvemos a camiñar por entre o mato. Cada vez a espectacularidade das vistas e das paisaxes é máis patente.
Xa chegamos ó treito final ata A Cubela que está situada sobre un meandro de case 180 grados deseñado polo río Sil. A Cubela está asentada sobre unha vella explotación aurífera romana e a arquitectura tradicional das súas vivendas conservase en moi bo estado.
Podemos regresar ó punto de saída pasando por Torbeo, San Lourenzo, Moreiras e Castro de Abaixo, polo antigo paso coñecido como camiño de inverno. Onde nos atoparemos ca Pena Tallada e unha igrexa románica caracterizada pola súa beleza: Santa María de Torbeo.